Saturday 04 de May de 2024

Preto de medio cento de persoas gozaron onte do roteiro ‘Unha Volta ao Pico’


 

Preto de medio cento de persoas participaron onte no roteiro Unha Volta ao Pico, organizado polo Concello de Boqueixón. A actividade comprendeu un percorrido por diversos lugares de interese pola contorna do Pico Sacro. Esta cita contou coa presenza do alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e do concelleiro de Turismo, José Manuel Canabal.

A técnico de Turismo municipal, Alba Rodríguez, foi a encargada de guiar a todas as persoas asistentes a este roteiro duns 8,3 quilómetros de distancia. Pasaron polo Pico Sacro, o antigo cemiterio de Lestedo e a igrexa da Granxa, entre outros puntos de interese.

A actividade finalizou no campo da feira de Lestedo, onde se celebraba o mercado dominical. Alí ofreceuse unha proposta dentro do programa Feiras Activas, impulsado polos Departamentos boqueixaneses de Cultura e Turismo, que comprendeu unha actuación do grupo Volta e Dálle Teatro.

Dende a organización amosaron a súa satisfacción pola boa resposta obtida por parte do público. Agardan poder desenvolver máis iniciativas deste tipo e que permitan coñecer de preto os principais lugares de interese do municipio.